I Seminario e 1º Reunión da Rede PLASpain
O pasado mes, FoodChemPack participou no I Seminario PLASpain e na 1.ª reunión da Rede, celebrada na Universidade de La Rioja os días 11 e 12 de decembro.
Esta reunión supuxo o primeiro encontro presencial conxunto dos grupos nacionais que integran a Rede e que desenvolven investigación en aplicacións de plasma atmosférico frío en biomedicina e agroalimentación. O seminario cumpriu os obxectivos estratéxicos definidos na memoria de actuación: presentación de capacidades, coordinación científica e identificación de sinerxias reais entre os grupos participantes.
A apertura e coordinación do encontro correron a cargo da Universidade de La Rioja, a través do grupo P2ML, coa presentación da estrutura, misión e obxectivos de PLASpain, e cunha visión transversal das aplicacións do plasma (plasma directo, líquidos tratados con plasma e recubrimentos funcionais), así como dos principais retos comúns en seguridade, regulación, reproducibilidade e escalado.
No ámbito biomédico, o CIBIR (Unidade de Microbioloxía Molecular, MICB) presentou resultados sobre a actividade antibacteriana e antibiofilm do plasma e das augas activadas con plasma, mentres que PlasmaMedLab (UPC) presentou avances nos líquidos e hidroxeles tratados con plasma como plataformas biomédicas para a rexeneración tisular e modelos preclínicos de cancro.
No ámbito agroalimentario, o grupo NEWTEC (Universidad de León) abordou a aplicación do plasma atmosférico no relativo a seguridade alimentaria, a inactivación microbiana e a valorización dos subprodutos. O IATA‑CSIC presentou tecnoloxías de plasma orientadas á inocuidade e á tecno-funcionalidade dos alimentos, o IRTA (Programa de Postcosecha) mostrou sistemas alternativos a tratamentos químicos para o control de microorganismos en froitas e hortalizas e para a xestión sostible da auga. O grupo FoodChemPack (Universidade de Santiago de Compostela) analizou a seguridade química asociada a materiais en contacto con alimentos e a tratamentos con plasma, con especial atención aos estudos de migración, NIAS e avaliación do risco.
No ámbito da física do plasma e as tecnoloxías habilitadoras, o ICMS‑CSIC (Universidad de Sevilla) presentou o deseño e a caracterización dos reactores de plasma a presión atmosférica e a súa aplicación en tratamentos de materiais e procesos de plasma‑catálisis, mentres que a Universidade de Córdoba (grupo FQM‑136) presentou avances en diagnoses OES de plasmas fríos, interacción plasma‑líquido e reactores de microondas para o tratamento da auga.
O seminario concluíu destacando o seu valor como punto de partida para unha colaboración estructurada e estable entre os grupos participantes. Confirmouse a continuidade das actividades da Rede mediante estancias de mobilidade, reunións de seguimento e a organización do II Seminario PLASpain.
O I Seminario PLASpain desenvolveuse no marco da actuación RED2024153647‑T, financiada por MICIU/AEI/10.13039/501100011033, consolidando a PLASpain como plataforma nacional de referencia para a coordinación e o impulso da investigación en plasma frío aplicada a sectores estratéxicos.









