Sandra Mariño Cortegoso
Estudiante de doctorado contratada USC
Biografía
Sandra Mariño Cortegoso é investigadora posdoutoral no Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Obtivo o Grao en Farmacia en 2020 e completou o seu doutoramento na mesma institución en xaneiro de 2026 coa tese «Valorización de subprodutos da industria agroalimentaria mediante a recuperación de compostos de alto valor engadido para a súa aplicación como ingredientes e aditivos alimentarios no marco da economía circular», dirixida por Letricia Barbosa-Pereira, Ana Rodríguez Bernaldo de Quirós e Raquel Sendón.
Durante a súa etapa predoutoral realizou dúas estadías internacionais de investigación: unha de 4 meses no International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL, Portugal), onde desenvolveu solucións de envasado activo, e outra de 3 meses na Universidade de Verona (Italia), centrada no desenvolvemento de alimentos funcionais.
A súa investigación céntrase na valorización de subprodutos de froitas e hortalizas mediante a recuperación de compostos bioactivos para o desenvolvemento de ingredientes e aditivos clean-label destinados a aplicacións alimentarias e de envasado. Así mesmo, estuda a súa incorporación en alimentos funcionais e o deseño de sistemas de envasado activo sostibles con propiedades de liberación controlada para prolongar a vida útil dos alimentos dentro dun enfoque de economía circular. Máis recentemente, os seus intereses de investigación ampliáronse ao desenvolvemento de ingredientes moduladores da microbiota para reforzar a función barreira intestinal e previr alteracións metabólicas e inflamatorias. Tamén colabora coa Universidade Federal do Paraná (Brasil) na autenticación de cultivares de lúpulo.
Participou en 7 proxectos de investigación nacionais e internacionais, é autora de 11 publicacións científicas revisadas por pares e de máis de 15 comunicacións en congresos internacionais, e codirixiu 22 traballos e prácticas de investigación de grao, mestrado e doutoramento.



